Un proxecto máis sobre mitoloxía?

Nun primeiro momento a idea de traballar ao redor da mitoloxía aparece nas nosas mentes e acompáñanos durante semanas nas nosas rutinas diarias, ata que finalmente somos quen de materializar esta idea. Froito do noso interese pola mitoloxía, xorde este proxecto, que pretende ser un espazo de divulgación da mitoloxía como parte fundamental do noso patrimonio, da nosa historia e do noso acervo cultural común. Pero tamén nace para coñecer, protexer, recoller e crear recursos e ferramentas que poidan aproveitarse no ensino e que, á súa vez, poidan servir de xerme para a creación doutros proxectos ou actividades ao redor da mitoloxía.

Pero… que o fai diferente? Estamos ante un espazo vivo, en constante crecemento, actualización e creación de contidos, que vai máis alá de dar a coñecer ao vákner de Fisterra ou ao boi bruón, senón que que busca pór en relación a mitoloxía coa identidade e a memoria do territorio e a súa poboación.

Esta idea, agora materializada, é un proxecto que vai paseniño pero con paso firme, que comezou por xeolocalizar unha recollida bibliográfica de elementos mitolóxicos da provincia da Coruña. Comezamos a artellar esta proposta a partir do mapa de Domingo Fontán, camiñando en detalle polo noso territorio e prestándolle atención a cada aldea, vila e cidade para ver o que hai máis alá, lugares máxicos e cargados de historias. Mergullámonos en libros para conseguir coñecer e localizar no mapa galego numerosas lendas e mitos de toda a provincia. E… por que o mapa de Domingo Fontán? Este mapa ofrece a curiosidade de ser o primeiro mapa topográfico científico do Estado en pleno século XIX cando, ademais, comezou a haber interese na mitoloxía galega, tamén porque lle levou 17 anos facelo percorrendo toda a Galiza en cabalo e imaxinamos que el podería ter recollido tamén todas estas historias.

Este proxecto quere continuar medrando, non só con novos elemento para o mapa, senón que busca ofrecer unha visión global e transversal da mitoloxía. Cando se fala desta, adóitase botar a vista atrás no tempo como se fose un compartimento estanco do pasado que pouco, ou nada, ten que ver co contexto actual, aínda que a mitoloxía ten unha gran importancia e significación na nosa sociedade. Polo tanto, a seguinte parada desta proposta é a de reflexionar sobre o valor dos nosos mitos, coñecer as lendas e tamén saber entender o motivo da súa existencia, onde cada lugar ten un imaxinario propio e cada recuncho agocha a súa historia.
Non pretendemos ser un proxecto máis sobre mitoloxía, senón un proxecto transversal que nos axude a coñecer e entender mellor a nosa cultura e a nosa sociedade.

E ti… que historias botas en falta no noso mapa? A lenda do monte que tes enfronte da casa e sobre a que levas escoitando falar toda a vida non está recollida? A cidade asolagada sobre a que se asenta a túa casa non aparece? Non dubides en colaborar co proxecto e envíanos as túas achegas a info@mitoloxia.gal para seguir crecendo e dar a coñecer un pouco máis sobre a túa contorna.

Publicada o
Categorizado como Blogue

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *